Saturday 04 de May de 2024

Ata o día 1 de novembro para participar no VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro


O prazo de recepción de orixinais para o VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro está a piques de rematar. O 1 de novembro é o último día para entrega-los textos para o dito certame que convoca o Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia segundo se informara no acto de presentación efectuado a comezos do mes de setembro.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, anima as persoas con inquietudes no ámbito literario a participar nesta iniciativa que busca estimula-la creación de relatos dirixidos a un público lector con idades comprendidas entre os 8 e 12 anos, promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e homenaxea-lo escritor falecido en 2017.

O premio considerará unha única obra gañadora, á cal se lle asigna unha dotación económica de 3 000 euros. Suporá tamén a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da Pobra.

Tres persoas de recoñecido prestixio na literatura infantil formarán o xurado, que dará a coñece-lo seu veredicto no mes de decembro. Ademais, a entrega da distinción farase coincidir coa presentación do libro, unha vez editado.

As bases están á disposición nas páxinas web das entidades promotoras.